CEIP DE BELESAR · BAIONA
A inspección educativa propón que o noso centro funcione cun mestre de primaria menos. Non se suprime ningunha aula: os 8 grupos seguen aí, pero unha titoría quedaría sen mestre propio e habería que cubrila con «horas soltas» doutros mestres.
Estas son as consecuencias reais para os nosos fillos e fillas:
Unha das seis titorías de primaria quedaría atendida por varios mestres con horas soltas, en lugar de por unha persoa de referencia. O titor é quen mellor coñece cada neno, quen detecta problemas e quen fala coas familias.
O centro perdería arredor de 25 sesións semanais de profesorado. Xa non quedaría ninguén dispoñible para cubrir ausencias: cando un mestre falte (algo inevitable ao longo do curso), non haberá substituto interno.
A única saída ante unha ausencia sería repartir ou xuntar grupos: nenos de cursos e idades distintas mesturados nunha mesma aula, sen poder seguir a súa programación. Iso non é dar clase, é gardar nenos.
As horas de dispoñibilidade que hoxe se dedican a apoiar o alumnado con dificultades pasarían a tapar a titoría descuberta. O centro xa non ten orientación nin audición e linguaxe propias: perder tamén os reforzos internos deixa os nenos con necesidades case sen apoio.
Educación física e música xa complementan hoxe as titorías de 4º e 5º. Cargalos con máis horas de titoría resta calidade ás súas especialidades e elimina calquera marxe do centro.
O noso centro imparte plástica en inglés grazas a un posto que ademais asume unha titoría. Todo o encaixe de horarios que fai isto posible depende de contar co profesorado completo: quitarlle unha peza fai caer o conxunto.
70 alumnos usan o transporte, con 3 itinerarios e saídas escalonadas ata as 14:10. A custodia deses nenos ata que sae o último bus faise coas horas de garda que agora se queren eliminar.
Con horarios ao límite, cada imprevisto obrigaría a reorganizar o centro completo. Máis interrupcións, menos estabilidade e menos tempo do profesorado para coordinarse e atender as familias.
O catálogo do centro recolle os postos necesarios para funcionar. Aceptar funcionar por debaixo diso é aceptar que o alumnado de Belesar teña menos recursos que o doutros centros co mesmo número de grupos.
Se este ano se acepta cubrir unha titoría con «horas soltas», o ano que vén poderá facerse o mesmo con outra praza. Sen pechar ningunha aula sobre o papel, o centro iríase baleirando de mestres pouco a pouco. O que non defendamos agora, non o recuperaremos despois.
Descárgao, imprímeo, ponlo no teu comercio, no coche ou no balcón. E compárteo nas túas redes: canta máis xente o saiba, máis forza temos.
En Instagram e TikTok non se pode compartir cunha ligazón directa: o botón abrirá o menú de compartir do teu móbil (ou descargará o cartel) para que o subas como imaxe ou historia. Etiqueta: #BelesarEnLoita
Queres colaborar, asinar, ofrecer axuda ou contarnos algo? Escríbenos e responderémosche canto antes.